As Festas do Carme de Marín acollerán máis atraccións de feira que en anos anteriores

Marín
06 de xullo 2022

O Concello de Marín vén realizando no último mes diversas reunións co colectivo de instaladores de atraccións de feira, despois de que se tivese que organizar unha nova ubicación (a Praza de España) durante as Festas do Carme, para garantir a boa loxística tanto do aparcadoiro público como dos concertos que se van realizar nos próximos días

Atraccións das Festas do Carmen 2014 en Marín
Atraccións das Festas do Carmen 2014 en Marín /

O Concello de Marín vén realizando no último mes diversas reunións co colectivo de instaladores de atraccións de feira, despois de que se tivese que organizar unha nova ubicación (a Praza de España) durante as Festas do Carme, para garantir a boa loxística tanto do aparcadoiro público como dos concertos que se van realizar nos próximos días.

Co obxectivo de poder darlles cabida a todos, o Concello retirou módulos, xardineiras, mobiliario público, o skate park ou o campo de petanca. Para poder acordar cos donos das atraccións a distribución do novo espazo, elaborouse un plano previo á súa instalación, que foi aprobado por todos.

De feito, virán máis atraccións das que se teñen instalado outros anos durante as nosas festas. Así a todo, o Concello será "inflexible", tal e como trasladaron fontes do goberno local, no que respecta á inspección que terán que pasar todas e cada unha das atraccións antes de poñerse en funcionamento, un labor que levará a cabo unha empresa especializada entre este mércores e o xoves.

Esta inspección terá en conta tanto a parte técnica como o cumprimento de ocupación de vía pública dos metros acordados e o pago correspondente.

Por outra banda, desde o Concello lembran que se lles habilita para a instalación dos seus remolques e caravanas a canteira da Laxe, limpando e desbrozando a parcela, ademais de acondicionar o saneamento e a auga.