As Galerías Oliva terán un paso peonil garantido durante o tempo que dure a demolición

Pontevedra
08 de xaneiro 2023

O proxecto de demolición presentado no Concello de Pontevedra recolle de forma específica que haberá un paso protexido para a circulación entre a zona das galerías que queda en pé e Gutiérrez Mellado, garantindo unha saída á rúa. Ese paso vai estar protexido para evitar incidentes durante o proceso de demolición

Zona das Galerías Oliva que vai pechar
Zona das Galerías Oliva que vai pechar / Mónica Patxot

Durante o ano que duren as obras de demolición do edificio número 3 da rúa Gutiérrez Mellado, que supoñerá eliminar un tramo das Galerías Oliva, o paso peonil quedará garantido. 

Así aparece recollido no proxecto de demolición presentado no Concello de Pontevedra, segundo puido saber PontevedraViva.

Desta forma, na documentación figura de forma específica que haberá un paso protexido para a circulación entre a zona das galerías que queda en pé e Gutiérrez Mellado, garantindo unha saída á rúa.

Ese paso vai estar protexido para evitar incidentes durante o proceso de demolición, pois se realizarán todo tipo de traballos que poden implicar a caída de cascotes ou restos de obra e, desta forma, garántese a circulación con seguridade. 

Cíes Atlántico SLU encargarase de coordinar a seguridade destes traballos que executará Obras e Construcións Preda SL.

O promotor da obra é Hercor Investimentos S. L., que contratou como arquitectos directores da demolición a Rogelio Pérez Conde e Antonio Ameijeiras Sánchez, do estudo vigués Espazo B12 Arquitectos. 

Este proceso de demolición terá unha duración máxima de 12 meses desde a notificación oficial da derriba aos comerciantes afectados, que foron deixando os seus locais neste tramo das galerías nos últimos meses. Os últimos iranse o día 13 de xaneiro, o local de Solidariedade Internacional.

De momento, non existe información oficial sobre o futuro deste edificio e deste tramo das galerías, unha zona comercial emblemática de Pontevedra.

O plan de urbanismo permite aos propietarios o aproveitamento do inmoble para uso residencial, de oficinas ou equipamentos sen que teñan obrigación de manter as galerías actuais xa que non están previstas no plan.