A reforma do complexo deportivo de Campolongo comezará o día 1 de abril e a previsión é que rematen o 30 de setembro, de maneira que as instalacións nas que están ubicadas as piscinas municipais poidan abrir ao público o 1 de outubro.
As datas fixáronse este venres nunha reunión celebrada entre o Concello e a empresa adxudicataria da xestión das instalacións, Serviocio-BEONE, para fixar os detalles das obras de reforma da principal instalación deportiva municipal.
O proxecto definitivo da reforma xa se atopa nas dependencias de arquitectura do Concello e está sendo estudado polos técnicos. Unha vez revisado terá que ser aprobado pola Xunta de Goberno Local.
Este venres tamén se confirmou a empresa adxudicataria xa ten asinado un acordo coa empresa deportiva Tablero, situada no polígono industria da Reigosa, para ofrecer alternativas para a práctica deportiva a todos os usuarios que o soliciten.
Na reunión tamén se abordou a situación laboral dos 42 traballadores da instalación deportiva. Segundo acaba de confirmarse, someteranse a un ERE por un período máximo de seis meses, e seguirán cobrando o 100% do salario durante este período.
A incorporación dos traballadores será paulatina durante eses seis meses de paro laboral, unha vez que se vaia avanzado nas obras. Por exemplo, está previsto que primeiro se poñan ao fronte os directivos da instalación ao igual que o persoal de mantemento que terá que incorporarse antes dos seis meses de obras.
A actuación ten un orzamento de 5.140.000 euros, dos cales 4.333.000 euros serán da obra civil e o resto para o equipamento necesario para a posta en marcha do servizo.