As obras da estación intermodal comezarán "despois de Reis"

Pontevedra
02 de xaneiro 2020

Dentro deste compromiso investidor da Xunta, Alfonso Rueda lembrou que as obras do Gran Montecelo comezarán no segundo semestre de 2020 e nelas investiranse no próximos tres anos, sumados os 30 millóns do novo equipamento sanitario, ata 170 millóns

Proxecto de remodelación da estación intermodal
Proxecto de remodelación da estación intermodal / Xunta de Galicia

Se 2019 foi, segundo Alfonso Rueda, un ano "histórico" para as infraestruturas de Pontevedra, 2020 continuará pola mesma senda. O vicepresidente galego anunciou que as obras de construción da estación intermodal comezarán "despois de Reis".

As obras, que executará a empresa Extraco, supoñerán un investimento de seis millóns de euros e, segundo o calendario que manexa a Xunta, estarán terminadas a finais de 2020.

Esta actuación supoñerá unha reforma funcional, estética e de eficiencia enerxética da actual terminal de autobuses, ao incluír a renovación da fachada, da cuberta e dos seus interiores e a mellora das instalacións e dos sistemas de información.

A Xunta, a través desta reforma e da adecuación do complexo, creará unha área intermodal que conectará a central de autobuses coa estación de tren grazas a un itinerario peonil que se complementará cunha reordenación urbana de todo este ámbito.

Dentro deste compromiso investidor, Rueda lembrou que as obras do Gran Montecelo comezarán no segundo semestre de 2020 e nelas investiranse no próximos tres anos, sumados os 30 millóns do novo equipamento sanitario, ata 170 millóns.

Ademais, o vicepresidente galego avanzou que a futura senda peonil de Alba, para mellorar a seguridade na PO-225, "estará lista" para o Xacobeo 2021 e que este mesmo ano estará completa a reforma do edificio de Benito Corbal coa actuación dos espazos para a Universidade de Vigo e a Fundación Manuel Moldes.

Con respecto aos novos xulgados, Alfonso Rueda sinalou que o traslado se prevé completar en febreiro e que "inmediatamente despois" comezará a reforma do vello edificio da Parda que quedará para dependencias da Fiscalía e as unidades penais.

Rueda, por último, citou entre estes compromisos a mellora da depuradora e a construción do novo emisario submarino, proxectos nos que se investirán ata 29 millóns de euros e que, sumada á proxectada ampliación, alcanzarán os 50 millóns.