As obras de ampliación do Hospital do Salnés comezarán antes de 2015

O Salnés
12 de novembro 2014

A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, indicou que os fondos Feder, destinados a cofinanciar estes traballos aportando preto do 57% do importe total, van executarse na súa totalidade no ano 2015

Visita da conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, ao Hospital do Salnés
Visita da conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, ao Hospital do Salnés /

A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, afirmou no Pleno do Parlamento celebrado este mércores 12 que as obras do Hospital do Salnés se iniciarán antes de que finalice o ano, unha vez formalizado o contrato de adxudicación, e se executarán de forma que interfiran o mínimo posible na organización interna do centro. A titular da sanidade galega afirmou que, durante os traballos, se garantirá en todo momento a prestación da asistencia sanitaria.

A obra iniciarase coa execución do novo vial de acceso e o desvío dunha liña de media tensión e de gas, así como outras redes. A continuación executaranse as instalacións para as novas urxencias, un bloque obstétrico e parte do novo bloque cirúrxico, ademais da posta en marcha dos coidados postcirúrxicos, adaptación ao medio e o hospital de día.

Unha vez que están operativas as novas áreas, procederase ao traslado dos servizos afectados que deixarán espazos libres dentro da actual superficie do centro hospitalario comarcal. A ampliación contempla zonas que representan unha superficie asistencial de 4.157 m2. Cando finalice o proxecto, poñerase en marcha o hospital de día.

A conselleira indicou que o prazo de execución dos fondos Feder cos que se asume o 57% do importe da obra se executarán na súa totalidade no ano 2015.