As obras de Benito Corbal atrásanse para evitar o Nadal e o inicio das rebaixas

Pontevedra
21 de novembro 2018

O goberno municipal, tras consultalo cos comerciantes de Benito Corbal, tomou a decisión de atrasar as obras de reforma previstas no tramo entre a Praza do Hospital e Sagasta. Tiñan previsto iniciarse a próxima semana, pero finalmente farano o 14 de xaneiro

Rúa Benito Corbal, Pontevedra Mónica Patxot

O goberno municipal, tras consultalo cos comerciantes de Benito Corbal, tomou a decisión de atrasar as obras de reforma previstas no tramo entre a Praza do Hospital e Sagasta. Tiñan previsto iniciarse a próxima semana, pero finalmente farano o 14 de xaneiro.

Con esta decisión preténdese evitar que as obras, que obrigarán a cortar o tráfico na rúa durante un período de tres meses, afecte as vendas da campaña de Nadal e o inicio das rebaixas que, como é habitual, comezarán xusto despois de Reis.

O concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, reuniuse onte á noite cos comerciantes deste céntrico barrio para presentarlles o plan de obra que deseñou a empresa EC Casas, que executará esta reforma por 147.582 euros.

O cronograma establecido pola compañía indica que as obras comezarán pola marxe esquerda, onde se eliminarán todas as prazas de aparcadoiro para ampliar a beirarrúa ata uns catro metros.

Unha vez completada esa fase, remodelarase a marxe contraria, onde tamén se actuará sobre a beirarrúa e os estacionamentos pasarán a estar reservados para servizos.

A renovación da calzada será o último paso nunha reforma que, ademais, inclúe a instalación de catro farois novos, seis papeleiras, seis bancos e aparcabicis.