As obras no barrio de San Antoniño ampliaranse a Gonzalo Gallas e Javier Puig

Pontevedra
19 de setembro 2014

"Xa ninguén poderá dicir que San Antoniño está abandonado", subliñou Louro. Avanzou que estes novos traballos poderán financiarse aproveitando os fondos da última modificación de crédito. Actualmente estase analizando o custo destas actuacións para tomar unha decisión definitiva sobre as rúas nas que se actuará, xa que o edil socialista adiantou que tamén lle gustaría poder reformar Casimiro Gómez e Amado Carballo

Visita de Antón Louro ás obras de Álvarez Limeses e Víctor Cervera Mercadillo PontevedraViva

O barrio de San Antoniño é unha "prioridade" para a concellaría de Urbanismo. Así o afirmou este venres Antón Louro durante unha visita as obras de reforma urbana que comezaron nas rúas Víctor Cervera Mercadillo e Gerardo Álvarez Limeses. De aí que o Concello de Pontevedra teña pensado ampliar as intervencións neste ámbito. Nas próximas semanas aprobaranse novos traballos, entre outras, nas rúas Gonzalo Gallas e Javier Puig.

"Xa ninguén poderá dicir que San Antoniño está abandonado", subliñou Louro. Avanzou que estes novos traballos poderán financiarse aproveitando os fondos da última modificación de crédito. Actualmente estase analizando o custo destas actuacións para tomar unha decisión definitiva sobre as rúas nas que se actuará, xa que o edil socialista adiantou que tamén lle gustaría poder reformar Casimiro Gómez e Amado Carballo.

Antón Louro comprobou, acompañado de técnicos municipais e das empresas contratistas, o avance dos traballos en Cervera Mercadillo e Álvarez Limeses e anunciou que, agás que as condicións meteorolóxicas sexan especialmente adversas, rematarán durante o próximo mes de decembro.

As obras da rúa de Víctor Cervera Mercadillo están a cargo de Oresa cun orzamento final de 131.258,64 euros. No caso de Gerardo Álvarez Limeses, a seleccionada é Covsa e o orzamento sobe ata os 221.846,85 euros. Nos próximos días, anunciou Louro, comezará tamén a segunda fase da rúa de Blanco Porto, que xa está tamén adxudicada.

Os principios que inspiran estas obras son os da ampliación das beirarrúas e mantemento da circulación rodada nas mesmas condicións que ata o de agora. Ao tempo, mantense a capacidade de estacionamento, especialmente na rúa de Álvarez Limeses, onde a maior anchura permite crear dúas bolsas con capacidade para 24 vehículos. Nestas dúas vías urbanas hai beirarrúas inferiores a 80 centímetros e contan cunha superficie absolutamente irregular. 

Ao mesmo tempo, outra das deficiencias máis significadas na zona é a obsolescencia das redes de auga, pluviais e saneamento, polo que deberán ser completamente renovadas. No que atinxe á iluminación, aproveitaranse as luminarias led recentemente instaladas.