As paxes dos Reis Malos de Elnosa deixan carbón diante do Concello

Pontevedra
04 de xaneiro 2016

Arredor de duascentas persoas participaron na cabalgata organizada polo comité de empresa de Elnosa, que con dúas cabezas tractoras e unha furgoneta percorreu diferentes rúas da cidade para finalizar na praza da Peregrina

Desfile dos Reis Malos de Elnosa Mónica Patxot

Querían facer algo reivindicativo e, ao mesmo tempo, nun ton familiar. Desta forma, os traballadores da fábrica de Elnosa decidiron montar a súa propia cabalgata durante este luns 4 de xaneiro polo centro da cidade.

Unha furgoneta con megafonía, unha cabeza tractora e un camión cun remolque, no que viaxaban nenos a modo de carroza, adornado con imaxes de políticos locais do BNG e do presidente da Asociación pola Defensa da Ría, Antón Masa, dirixían unha comitiva encabezada polos Reis Malos, tres traballadores que vestían con roupa maxestosa e portaban caretas do alcalde, de Carmen da Silva e de César Mosquera.

Os traballadores portaban dúas pancartas, na primeira líase o tradicional lema: "Elnosa non se pecha" e na outra se facía mención ao alcalde Miguel Anxo Fernández Lores pedíndolle que se pretende pechar Elnosa compense aos traballadores enchufándoos en Cespa.

Os manifestantes realizaron a primeira parte do traxecto, con música festiva e frases do tipo: "Vota a Lores, o alcalde do paro", pola avenida de Vigo, Fernández Ladreda, Manuel do Palacio e Corbaceiras, escoltados por axentes da policía local. Na Alameda, os camións quedaron aparcados, e os ao redor de douscentos participantes iniciaron un paseo repartindo ao redor de 100 quilos de caramelos baixo a choiva  ata chegar ao edificio do Concello. Alí, dúas nenas, vestidas de paxes, depositaron na entrada unha bolsa con carbón

Tras máis dunha hora de traxecto, o desfile finalizou na praza da Peregrina cunhas palabras do presidente do comité de empresa, Avelino García. Indicou que van seguir loitando pola defensa dos seus postos de traballo e pola continuidade da electroquímica na súa actual localización na ría de Pontevedra. Entre os manifestantes atopábase o secretario comarcal de CC.OO., José Luis García Pedrosa, e o secretario xeral de CCOO de Industria de Galicia, Víctor Ledo.

Avelino García indicou que a choiva evitara a presenza de numerosos familiares dos traballadores a este desfile reivindicativo, pero mostrábase satisfeito co desenvolvemento do acto de protesta, que finalizou cunha actuación de gaiteiros. Desde o comité de empresa alertan de que se manterán á espera de novidades sobre o futuro da factoría. Segundo o que suceda nas próximas semanas decidirá se retoman as protestas.

Arquivado en