As peñas poñen a nota de cor na primeira cita coa Feira da Peregrina

Pontevedra
03 de agosto 2014

Se ben dentro do coso de San Roque se viu unha entrada máis frouxa do habitual, os afeccionados que se achegaron a ver a lida de Sebastián Castella, Daniel Luque e Enrique Ponce fixéronse notar no tendido coas súas tradicionais camisas e casetas de cores e os seus habituais cánticos

Peñas taurinas na primeira corrida da Feira da Peregrina 2014

As peñas taurinas deron, como vén sendo habitual, a nota de cor no inicio da Feira da Peregrina. Se ben dentro do coso de San Roque se viu unha entrada máis frouxa do habitual, os afeccionados que se achegaron a ver a lida de Sebastián Castella, Daniel Luque e Enrique Ponce fixéronse notar no tendido coas súas tradicionais camisas e casetas de cores e os seus habituais cánticos.

Dende primeira hora da tarde, a súa presenza inundou gran parte da cidade, especialmente nos locais de hostalaría onde se foron reunindo os peñistas para celebrar as súas respectivas comidas de confraternidade. A partir das seis da tarde comezaron a achegarse ata a praza de touros para ir ocupando os seus asentos, á espera de que comezase a corrida, a primeira das catro que forman a programación desta feira.

Este domingo terán unha nova oportunidade para mostrar a súa afección polos touros. Será coa faena que, a partir das 19.00 horas, protagonizarán os destros Julián López 'El Juli', Miguel Ángel Perera e Iván Fandiño, que lidarán todos da gandaría de Victoriano del Río.