As praceiras trasládanse á antiga panadería mentres duren as obras no Mercado de Vilaxoán

O Salnés
05 de outubro 2023

As tres profesionais que traballan habitualmente na praza de abastos de Vilaxoán serán resituadas de forma temporal neste espazo moi próximo ao Mercado. Finalmente o goberno de Vilagarcía descarta a instalación de casetas

Proxecto da reforma interior prevista no mercado de Vilaxoán Concello de Vilagarcía de Arousa

As tres profesionais que traballan na praza de abastos de Vilaxoán desprazaranse de maneira temporal á antiga panadería, situada moi preto do Mercado. 

Desta forma descártase a idea inicial de establecer os tres postos en casetas situadas no exterior.

O goberno local de Vilagarcía mantivo un encontro coas afectadas para explicarlles o cambio de decisión e pedir desculpas polos erros de comunicación sobre as decisións adoptadas, segundo recoñecen desde Ravella.

As obras do Mercado supoñerán un investimento de máis de 210.000 euros e o atraso durante uns días do inicio das obras, segundo o goberno local, non afectará ao investimento nin aos prazos de execución.

 A actuación, que busca dinamizar o mercado atraendo novos vendedores, clientes e actividades, tiña un prazo inicial de execución de catro meses.