A Festa da Troita, que se celebra en Ponte Caldelas durante a última fin de semana de maio, chega á súa 51 edición cunha oferta gastronómica renovada. O evento contará coas tradicionais elaboracións de troita en escabeche e fritida, pero incorpora tamén as creacións culinarias saídas do curso de cociña de tapas e petiscos organizado polo Concello.
O alcalde, Andrés Díaz, vén de clausurar este curso dedicado á pequena gastronomía no que participaron 15 persoas do municipio. O obradoiro, totalmente gratuíto, serviu para formar nun ámbito con cada vez máis demanda laboral, a 11 mulleres e catro homes, con idades comprendidas entre os 18 e os 58 anos.
O curso, desenvolvido nos locais da Fundación para a Orientación, Investigación, Desenvolvemento Tecnolóxico, Emprego e Formación de Galicia (Forga) no polígono da Reigosa, foi tan satisfactorio que os propios alumnos propuxeron ao alcalde a posibilidade de colaborar coa Festa da Troita como mostra de agradecemento por ter adoptado esta iniciativa.
Coa adquisición dunha ración de troita, ás 500 primeiras persoas se lle obsequiará con tapas de empanada o sábado e outras tantas de tosta de troita en vinagreta o domingo.