Os concelleiros Luís Bará e Carmen Fouces, responsables dos departamentos de Obras Urbanas e de Educación, explicaron durante a tarde deste luns 14 aos veciños e comerciantes da praza de Barcelos os cambios previstos a partir de Semana Santa nesta contorna.
Segundo expuxeron os concelleiros, estes cambios responden a que os escolares do colexio de Barcelos teñan un espazo de xogo sen riscos de seguridade polo paso de vehículos.
Desta forma, segundo explicou Luís Bará, vai restrinxirse o tráfico na fachada principal do centro escolar e no lateral que se atopa lindante co peche do convento de Santa Clara. Deixaranse libres as entradas dos edificios próximos ao colexio e tamén o servizo sanitario. O Concello estuda agora a posibilidade de crear unha zona de estacionamento temporal para os pais de alumnos do colexio Barcelos para os momentos de entrada e saída.
O resto da praza contará con dous carrís de circulación e á praza poderase acceder desde Perfecto Feijoo e desde Benito Corbal. A parte superior da praza contará cun só sentido de circulación en dirección á rúa do Rouco. Ao aparcadoiro poderase entrar e saír desde os dous accesos actuais.
O concello conta con fixar estacionamentos de servizos en toda a praza cun tempo máximo de aparcadoiro de quince minutos establecendo as prazas en liña.
Esta intervención, que se desenvolverá durante a Semana Santa, contará cun custo total de 60.000 euros e o goberno local ten previsto levar a cabo unha mellora da rúa Rouco coa ampliación de beirarrúas.
A petición do colexio estúdase a creación dunha zona deportiva, coa instalación de canastras, nesa contorna.