As traballadoras da limpeza nos centros de saúde do SERGAS en Pontevedra e Vilagarcía de Arousa están convocadas a dúas asembleas, ás 11:00 e ás 18:00 horas, no edificio sindical para analizar a situación que atravesan con atraso no pago das nóminas por parte da empresa concesionaria do servizo, Linorsa.
Do mes de decembro só cobraron media nómina e, segundo a información que manexan as ao redor de medio centenar de traballadoras desta empresa, o ministerio de Facenda bloqueou a conta de Linorsa. Por ese motivo, levan máis dun ano sufrindo atrasos nos pagos.
As traballadoras reclaman a intervención do SERGAS, que está a pagar á empresa mensualmente e, con todo, o diñeiro non está a chegar ás empregadas. Por este motivo, as traballadoras convocadas polos sindicatos CIG, UXT e Comisións Obreiras, estudarán as actuacións de protesta que van levar a cabo para que se resolva este conflito e non descartan a posibilidade de iniciar unha folga.
Este mércores, a empresa reúnese co comité de empresa, que prorrogou a súa vinculación co SERGAS por dous anos, para analizar esta situación.