As limpadoras dos centros de saúde concéntranse con medo ao impago da nómina deste mes

Pontevedra
26 de xaneiro 2016

As traballadoras da empresa Linorsa realizaron actos de protesta nos centros de saúde e na Cidade Infantil Príncipe Felipe. A empresa débelle media nómina e continúa coas contas bloqueadas por Facenda. O comité reclama á dirección que renuncie ás concesións

Concentración de traballadores de Linorsa no ambulatorio Virxe Peregrina
Concentración de traballadores de Linorsa no ambulatorio Virxe Peregrina / Mónica Patxot

A situación en Linorsa, a empresa concesionaria da limpeza dos centros de saúde de atención primaria e de edificios da Deputación, segue sendo preocupante. Facenda mantén embargadas as contas da empresa porque desde a dirección non se logrou reunir os avais para que lles desbloqueen as contas. 

Ante esta situación, os traballadores, maioritariamente mulleres, descoñecen se cobrarán a nómina do mes de xaneiro cando xa se lles debe a metade da de decembro. Por ese motivo, iniciaron un calendario de actos de protesta que levaba a traballadoras e a representantes sindicais a concentrarse ante o ambulatorio Virxe Peregrina e na Cidade Infantil Príncipe Felipe durante este martes 26.

O persoal vese obrigada a seguir traballando pola lei de contratación administrativa, que non prevé a falta de pagamento de salarios para resolver unha concesión e a única fórmula de romper a adxudicación sería a través do incumprimento dos labores de limpeza, segundo informaba a representante da CIG, Diana Rodríguez.

Desde o comité de empresa solicitaron á dirección de Linorsa que renuncie ás concesións para que as empregadas non teñan que verse abocadas á folga ao mesmo tempo que mantiveron unha xuntanza con representantes do SERGAS para solicitar que se rompa a concesión do servizo.

Linorsa conta con 500 traballadores na provincia, 100 deles no municipio de Pontevedra.