As traballadoras de Linorsa no Príncipe Felipe síntense enganadas pola Deputación

Pontevedra
26 de abril 2016

O persoal amosa a súa indignación ao considerar que os deputados Eva Villaverde e Santos Héctor tiñan que saber cando mantiveron unha xuntanza cos representantes sindicais que a empresa ía presentar o concurso de acreedores

Carmela Silva dialoga cos traballadores da empresa de limpeza Linorsa PontevedraViva

As traballadoras de Linorsa que se encargan da limpeza da Cidade Infantil "Príncipe Felipe", que depende da Deputación, móstranse indignadas ante o que consideran un engano por parte do goberno provincial.

A través dun comunicado de Comisións Obreiras, as traballadoras entenden que existe unha diferenza de trato por parte da presidenta da Deputación, Carmela Silva. Sinalan que en Vigo, o goberno local no que a presidenta provincial é tenente de alcalde, presionou para que os traballadores da empresa cobrasen os seus salarios e que Linorsa cedese os contratos que mantiña co Concello.

Con todo, sinalan que en Pontevedra, o persoal desta empresa só saca "promesas". Desde Construción e Servizos de CC.OO. afirman que o 20 de abril reuníronse coa deputada Eva Villaverde e con Santos Héctor. Naquel encontro, as traballadoras entenden que se lles enganou porque os deputados tiñan que ser coñecedores de que Linorsa estaba a preparar o concurso de acredores e que non llo comunicaron ao persoal.

Está previsto que as empregadas inicien unha folga nos centros de saúde polo atraso nos salarios para partir do 3 de maio.