Asfaltarán dous camiños na zona baixa da igrexa de Soutomaior

Soutomaior
01 de abril 2026

A intervención realizarase no barrio do Ríal e inclúe a mellora do vial coñecido como Regueiro do Piñeiro cun orzamento de 50.000 euros

Manu Lourenzo, alcalde de Soutomaior, nun dos camiños de abaixo da Igrexa Concello de Soutomaior

O Concello de Soutomaior executará obras de pavimentación e mellora en dous camiños situados no barrio do Rial, concretamente na zona baixa da igrexa de Soutomaior.

A actuación contará cun investimento de preto de 50.000 euros, financiados integramente con fondos propios da administración municipal.

O proxecto céntrase en dous viais que presentan un estado de deterioración avanzado, entre os que se atopa o regueiro do Piñeiro.

O obxectivo destes traballos é facilitar o acceso ás vivendas situadas neste núcleo e avanzar na humanización do espazo, dotando á zona de novos materiais que permitan unha mellor comunicación para a veciñanza.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que esta intervención responde á necesidade de actuar en camiños que se atopaban en situación de abandono.

Segundo explicou o rexedor, estas vías teñen un papel destacado na vertebración do barrio do Rial, polo que a súa renovación busca dignificar a contorna rural e garantir servizos axeitados para os residentes.

Esta obra forma parte do plan de transformación rural e urbana que o Goberno local desenvolve desde o inicio do mandato.

Coa aplicación do novo asfaltado, o Concello pretende elevar os estándares de seguridade e accesibilidade nos viais secundarios do municipio que presentan un maior desgaste polo uso e o paso do tempo.