Así será o Entroido de Marín

Marín
07 de febreiro 2014

A concelleira de cultura, Beatriz Rodríguez, reuniuse coa Comisión de Festas e as distintas asociacións que colaboran no desenvolvemento das actividades do Entroido para este ano 2014 e elaboraron un primeiro programa provisional

O programa do entroido de Marín vai collendo forma.

A concelleira de Cultura, Beatriz Rodríguez, reuniuse coa Comisión de Festas e as distintas asociacións que colaboran no desenvolvemento das actividades do Entroido para este ano 2014 en Marín ademais dos responsables na Biblioteca e o Museo co obxectivo de planificar todas as actividades que haberá que coordinar cos distintos colectivos estes días.

Elaboraron un primeiro programa provisional, que se irá matizando e perfilando ao longo destes días, confirmando as cousas referentes ás datas claves onde se presentan as distintas actividades.

As principais citas son as seguintes:

  • Sábado 1 de marzo, 16.30 horas: Desfile infantil, polas seguintes rúas, rúa Real, praza do Reloxo, Porta do Sol, Doutor Touriño, avda. Jaime Janer e, para rematar, gran festa infantil na alameda coa entrega de premios e unha chocolatada. Ademais, haberá un "Photocall".
  • Domingo 2 de marzo, 17.00 horas: Gran Desfile de disfraces e carrozas, que comeza na avenida de Ourense e remata no parque Eguren. A concentración dos participantes será ás 16.00 horas na praza do Regueiro, diante da Casa Pilán. Desfilarán polas seguintes rúas: praza do Regueiro, avda. de Ourense, praza de España, rúa Almuiña, avda. Jaime Janer, rúa Concepción Arenal, para rematar no parque Eguren.
  • Mércores 5 de marzo, 20.00 horas: Enterro da Sardiña: saída pola rúa Almuíña, praza de España, Ejército y Marina, rúa da Ponte, rúa do Sol ata chegar á praza do reloxo, onde terá lugar o pregón. Ao rematar: saída pola rúa Real, rúa Almuiña, praza de España e Despedida ao Mar.

 

As reunións sucedéronse con diferentes colectivos que participan, o Ateneo Santa Cecilia, a Asociación Amigos dos Rapaces, a Asociación de Fentos e Frouma que organiza o Bolo do Pote, e outros colectivos como Ronsel, Os da Caña e os colaboradores que prestan sempre os seus servizos para que a organización de nenos e maiores sexa un éxito.

Finalizáronse a elaboración das bases dos dous desfiles, o infantil e o de adultos e dos premios que se repartirán en cada unha das categorías.

Os traballos seguirán nos próximos días, ata matizar completamente todas as xornadas de actividades que se prevén.

Arquivado en