Así son os novos trens Avril, que xa circulan por Pontevedra en fase de probas

Pontevedra
16 de maio 2024

Fíxoo este xoves cunha viaxe de simulación comercial destes novos trens S106, deseñado para medir, practicar e comprobar todas as fases de explotación. A el, desde Madrid, subiu o ministro de Transportes e Movilidad Sostible, Óscar Puente

Un dos trens Avril que operarán en Galicia EFE / Lavandeira Jr.

Os trens Avril, que permitirán circular a alta velocidade entre as principais cidades galegas, comezarán a operar o vindeiro luns 21 de maio. Para esta estrea, Renfe está a afinar o seu funcionamento para que nada falle o día da ansiada estrea.

Fíxoo este xoves cunha viaxe de simulación comercial destes novos trens S106, deseñado para medir, practicar e comprobar todas as fases de explotación. A el, desde Madrid, subiu o ministro de Transportes e Movilidad Sostible, Óscar Puente.

Este tren partiu ás sete e media da mañá da estación madrileña de Chamartín e chegou dúas horas despois, pasadas as nove e media, a Ourense.

Despois doutros 35 minutos fixo parada en Santiago, onde subiu o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, entre outras autoridades, para poñer rumbo ata A Coruña, onde o ministro deu máis detalles destes novos trens.

Puente asegurou que Galicia contará "con más plazas" para a súa conexión con Madrid e que tamén gañará "algunas frecuencias", polo que reiterou que "hoy es un día grande" para a comunidade galega ao reducirse significativamente os tempos de traxecto.

"No hay ningún tren en el mundo que pueda llegar a los 300 kilómetros por hora por diferentes anchos y diferentes tensiones, lo cual habla muy bien de la tecnología Talgo y de la tecnología que vamos a implantar en esta zona", destacou o titular de Transportes.

Os novos trens permitirán multiplicar por máis de dous as prazas dispoñibles entre Madrid e Galicia e, segundo dixo o ministro, non supoñerán unha redución de frecuencias, senón que mesmo "se ganará alguna más". A oferta, dixo, "se irá adaptando a la demanda".

Isto estará ademais supeditado ás obras na estación de Chamartín, que se prevén terminar en xullo, data na que "mejoraremos horarios y frecuencias".

Así, coa chegada dos novos trens, ata o 21 de xullo, poñeranse en servizo catro servizos co tren S106 (modelo Avril), ida e volta, a Vigo e A Coruña. Ata principios de outubro, serán oito servizos con Avril, dúas idas e dúas voltas a Vigo e A Coruña.

E desde principios de outubro, todos os servizos serán con trens Avril, salvo Lugo-Madrid e Ourense-Alacante, subindo a 24, cun servizo Avlo -o tren AVE de baixo custo de Renfe- por sentido a Vigo e A Coruña.

Os trens da serie 106 son vehículos máis lixeiros e aerodinámicos. Son tamén máis anchos, o que lles permite albergar máis de 500 pasaxeiros (ata 507 nos AVE) e completamente accesibles, cun só piso e á altura da plataforma. Alcanzan os 330 km/h.

A distribución dos seus doce coches realízase entre coches con butacas en disposición de 2+2 e 3+2. Ademais, dispoñen de paneis de información en sala, wifi, espazos para carriños de bebé e máquinas vending, segundo subliña a operadora ferroviaria.