O Concello de Cuntis contará cun novo complexo de piscinas municipais ao aire libre no lugar de Campo.
O presidente provincial, Luis López, e o alcalde, Manuel Campos, asinaron este mércores 19 o convenio que permitirá financiar integramente a través da Deputación de Pontevedra os 652.800 euros necesarios para a execución desta infraestrutura.
O proxecto inclúe dúas piscinas, unha para adultos e outra infantil, e un edificio polivalente con vestiarios, cantina e control de accesos, instalado nunha parcela municipal de máis de 7.100 metros cadrados.
O alcalde, Manuel Campos, xunto á tenente de alcalde, Conchy Campos, participou na presentación do Plan Extra, salientando que o proxecto foi seleccionado por concorrencia competitiva.
Segundo o goberno local, a construción das novas piscinas supón a resposta a unha necesidade urxente do municipio e abrirá espazos de lecer e deporte accesibles para toda a veciñanza.
Campos destaca que esta obra representa a terceira gran inversión conseguida nos últimos anos con fondos da Deputación, xunto ao desenvolvemento do polígono industrial e a reurbanización integral da zona do Espadenal, o que demostra, segundo indicou, a eficacia na xestión municipal e a boa coordinación co organismo provincial.
Ao mesmo tempo, desde o organismo provincial resaltan o esforzo por apoiar proxectos estratéxicos en concellos de menos de 50.000 habitantes, como Cuntis.
Luis López salientou que este municipio "está a recibir máis diñeiro ca nunca da Deputación", e lembrou a recente finalización das obras de mellora da seguridade viaria na localidade de Arcos, tamén financiadas polo organismo provincial, con máis de 450.000 euros.
Segundo o presidente provincial, Cuntis benefíciase este ano de máis de 1,2 millóns de euros para distintos proxectos.