A Deputación de Pontevedra aprobará este venres unha achega de máis de 160.000 euros para financiar integramente as obras para a mellora do firme en varias vías municipais de Cuntis.
Así o adiantou o deputado provincial Ricardo Martínez nunha visita a aldea de Ferreiros, no concello de Cuntis, acompañado do alcalde Manuel Campos.
Trátase de recursos procedentes do Plan +Provincia, que nesta anualidade destina á vila un total de 633.209 euros e, no caso da liña 1 de investimentos, máis de 443.247 euros.
Con estes fondos provinciais, Cuntis mellorará o pavimento en camiños situados nas parroquias de Arcos, Estacas, Cuntis e Troáns.
Estas vías municipais presentan un avanzado deterioro e a maior parte das súas cunetas atópanse atrancadas ou amosan problemas na circulación das augas.
Todos os camiños dan acceso a vivendas, polo que coas actuacións previstas mellorarase a rede viaria facilitando a circulación, pero tamén influirá positivamente na calidade de vida dos veciños destas parroquias.
A mellora da capa de rodaxe, do sistema de evacuación de pluviais e da sinalización son as obras fundamentais que se levarán a cabo con tal fin.
Manuel Campos subliñou a importancia desta actuación para o Concello, "este proxecto é unha prioridade para o noso goberno".
"Estamos comprometidos en mellorar a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas, e a mellora das nosas estradas é un paso crucial para conseguilo", manifestou o alcalde.