O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, visitou este mércores ás instalacións da asociación Xuntos Síndrome de Down.
O representante autonómico coñeceu de primeira man o traballo que desenvolve a entidade pontevedresa, unha referencia na promoción da autonomía persoal, a formación e a inserción laboral das persoas con síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais.
Durante o encontro, Fernández puxo en valor o labor das organizacións do terceiro sector e reafirmou o compromiso da Xunta coas iniciativas que favorecen a igualdade de oportunidades e a integración no mercado laboral.
Neste contexto, destacou que Xuntos recibiu nos últimos meses tres liñas de apoio autonómico que suman máis de 80.000 euros para impulsar programas de emprego e reforzar o seu equipo profesional.
Unha das achegas máis destacadas ascende a 18.458 euros e está vinculada ao Programa de Emprego con Apoio, unha ferramenta que facilita a incorporación de persoas con discapacidade ao mercado laboral ordinario mediante acompañamento personalizado e asesoramento especializado.
Precisamente, a nova convocatoria deste programa abrirá o prazo de solicitudes este xoves.
A entidade tamén obtivo unha subvención de máis de 40.800 euros destinada á contratación de persoas desempregadas para desenvolver servizos de interese social, así como unha terceira axuda de 21.240 euros para continuar fortalecendo os seus proxectos de fomento do emprego.
Segundo explicou o delegado territorial, estas iniciativas non só melloran as oportunidades laborais das persoas con discapacidade, senón que tamén contribúen a construír unha sociedade máis inclusiva e cohesionada.
Ademais, permiten reforzar o traballo diario de entidades como Xuntos Síndrome de Down, que desempeñan un papel fundamental no acompañamento e apoio ás persoas usuarias e ás súas familias.