Ata 16 centros educativos na área sanitaria rexistraron polo momento algún caso de COVID

Pontevedra
20 de setembro 2020

Sanidade contabilizou ata esta fin de semana 24 contaxios en centros educativos da área sanitaria, sendo a de maior incidencia de Galicia seguida da Coruña con 23

Peche do Colegio Calasancio por COVID-19
Peche do Colegio Calasancio por COVID-19 / Mónica Patxot

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés é a que máis casos rexistrou en Galicia de coronavirus en centros educativos.

Sanidade informa que ata esta fin de semana contabilizáronse 24 contaxios en colexios e escolas pontevedresas, superando os 23 casos rexistrados na Coruña, 17 en Santiago, 11 en Vigo e 10 en Ourense e Lugo.

Os resultados positivos afectan en concreto a 16 centros de ensino, sobre todo na capital provincial. Na cidade de Pontevedra o principal foco localizouse no Colexio Calasancio, pechado por completo os últimos días e que anunciou a súa reapertura para este próximo luns 21 de setembro unha vez cumpridos os días de corentena recomendados para o profesorado non contaxiado e tamén para os alumnos.

Ademais do Calasancio, no municipio localizáronse dous casos no CEIP Barcelos e un no CEIP de Marcón, o CEIP A Xunqueira I, IES Frei Martín Sarmiento, CEIP Cabanas-Salcedo, CPR Sagrado Corazón (Sanidade non especifica se se trata do centro de Praceres ou de Pontevedra) e a escola infantil da Parda.

Así mesmo en Marín víronse afectados con casos de coronavirus as escolas infantís de Dalila e Casa do Mar; en Sanxenxo o CEIP Cruceiro de Vilalonga e o CEIP Magaláns-Dorrón; en Vilaboa a escola infantil; en Poio o SEK Atlántico; en Vilagarcía o CPR San Francisco; e en Portas o CPI Domingo  Fontán.