Ata 812 pontevedreses deron positivo tras facer unha PCR sen cita na última semana

Pontevedra
31 de decembro 2021

En total, os sanitarios realizaron nese período un total de 6.926 probas, polo que a taxa de positividade alcanzou un 11,72%. A estes positivos súmanse ademais os outros 1.136 contaxios que se lograron identificar nas probas, xa con cita desde o Sergas, nos puntos PCR Auto

Test de antíxenos de saliva no Recinto Feiral
Test de antíxenos de saliva no Recinto Feiral / Mónica Patxot

As PCR sen cita que se estiveron facendo no Hospital de Provincial de Pontevedra permitiron detectar a 812 persoas contaxiadas de covid-19 na última semana.

Así se recolle no balance que fixo o Servizo Galego de Saúde dos últimos sete días de probas, entre os días 23 e 29 de decembro.

En total, os sanitarios realizaron nese período un total de 6.926 probas, polo que a taxa de positividade alcanzou un 11,72%.

A estes positivos súmanse ademais os outros 1.136 contaxios que se lograron identificar nas probas, xa con cita desde o Sergas, nos puntos PCR Auto do Provincial ou Montecelo.

Durante a última semana, foron 2.481 as probas realizadas nestes puntos, onde acoden persoas con síntomas ou contactos estreitos, polo que a positividade disparouse ata o 45,78% do total de pacientes testados.

O Sergas detallou ademais os positivos que xurdiron, neste caso mediante antíxenos con saliva, na estación de tren de Pontevedra, nas probas voluntarias ao dispor de todos os viaxeiros que chegaron á terminal.

En concreto, neste cribado afloraron outros 43 positivos, mentres que outras 958 persoas deron negativo tras someterse a estas probas de antíxenos.