Atención os sete días da semana no CIM de Poio para as vítimas de violencia machista

Poio
25 de marzo 2020

A concelleira de Igualdade, Silvia Díaz, destaca que neste tempo de confinamento estas mulleres "non están soas, contan coa nosa atención e acompañamento" e asegura que manteñen operativos os mecanismos de prevención, intervención e resposta fronte á violencia machista

Maltrato á muller Kenny Rivas

A violencia machista non cesa polo estado de alarma, de maneira que a Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller (CIM) de Poio decidiron manterse plenamente operativos durante o período de restricións.

Manteñen a atención e asistencia psicolóxica e xurídica a vítimas de violencia de xénero os sete días da semana. As afectadas poden poñerse en contacto co CIM a través do teléfono da Casa Rosada (986872401), en horario de 9.00 a 14.00 horas polas mañás e de 16.00 a 21.00 horas polas tardes, fins de semana incluídas. Tamén é posible contactar enviando un correo electrónico á dirección igualdade@concellopoio.org.

En casos de emerxencia, recoméndase que se poñan en contacto coa Policía Local a través do número de teléfono 689575495.

A concelleira de Igualdade, Silvia Díaz, destaca que neste tempo de confinamento estas mulleres "non están soas, contan coa nosa atención e acompañamento" e asegura que manteñen operativos os mecanismos de prevención, intervención e resposta fronte á violencia machista. "O noso obxectivo é previr, controlar e minimizar posibles consecuencias negativas nas vidas das vítimas", explica.

O CIM tamén facilita información sobre outros recursos aos que poden acceder aquelas mulleres que teñan sufrido unha agresión machista, a través das diferentes institucións. Así, existen dous números de teléfono, habilitados polo Ministerio de Igualdade, aos que se pode acudir vía Whatsapp (682916136 e 682508507) e está operativo o 016 e a dirección de correo 016-online@mscbs.es

Os mecanismos de axuda esténdense, a maiores, aos smartphones, grazas á aplicación para móbiles Alertcops, que permite enviar unha sinal ás autoridades no caso de que non sexa posible efectuar unha chamada telefónica. Outra opción é poñerse en contacto co Teléfono da Muller, gratuíto e anónimo (900400273)

Unha das liñas de asesoramento que está a ofrecer Poio vai dirixida a aquelas veciñas que teñan ao seu cargo cativos menores de 12 anos ou persoas maiores dependentes. Ofrecéselles asesoramento xurídico, en caso de que nos seus lugares de traballo non lles acheguen posibilidades de conciliación.

Ademais, o CIM mantén operativo, vía telemática, o programa ‘Un espazo propio’, que inclúe actividades de ioga e pilates e que conta con 116 inscritas. Deste xeito, as clases poderán seguirse de xeito non presencial.