Abordar diferentes vías que permitan potenciar a colaboración entre o campus local da Universidade de Vigo e o Ateneo de Pontevedra foi o motivo central da reunión que a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, mantiña este luns con representantes da nova xunta directiva desta asociación cultural.
O novo presidente do Ateneo, Luis Rei, o tamén integrante da directiva José María Fernández e o membro do anterior equipo directivo Manuel Morquecho participaron nun encontro que supuña unha primeira "toma de contacto" tras a elección de Rei como presidente no mes de novembro.
Tras a reunión, Lantarón destacou a vontade da Vicerreitoría de "seguir colaborando como ata o de agora co Ateneo e incluso de fortalecer esa colaboración, coa realización de actividades comúns", así como buscando "unha maior difusión das actividades que realicen cada unha das dúas institucións".
A vicerreitora sinalou nese senso o interese por poder desenvolver no futuro "actividades conxuntas", xa que "con moitos dos centros do campus, poden establecerse sinerxías interesantes". Sinalou, en concreto, todo o relacionado "coas titulacións da contorna creativa".
Rei salientou o "apoio importante" que supón a Vicerreitoría para a esta asociación creada en 1965, lembrando que a Casa das Campás é a sede de varios dos relatorios que organizan, do seu club de lectura ou mesmo de reunións da propia entidade.
"Queríamos ter este contacto para agradecer todo este apoio e comunicar o noso interese por seguir manténdoo", salientou Rei, que incidiu na posibilidade de explorar novas liñas de colaboración, tendo en conta que o Ateneo promove cada ano entre 40 e 50 actividades.
Neste punto, sinalou á posibilidade de que poidan organizarse actos abertos á cidadanía con especialistas que participen en iniciativas dos diferentes centros do campus.
Tamén a posibilidade de que conferenciantes convidados a iniciativas do Ateneo acudan a algunha facultade "e ter un encontro co alumnado" achegándose a xente nova.