Atreveríaste a dar a volta a Europa en bicicleta e coa túa familia?

Pontevedra
07 de xullo 2016

Óscar Barreiro, Susana Míguez e os seus fillos Lucía e Darío son a Familia Supertramp. Así se denomina o proxecto que emprenderán desde o vindeiro sábado 9 de xullo, percorrer ata 11.000 quilómetros por Europa en 'trike', triciclo reclinado, no que plantexan como unha experiencia vital para a súa familia coa que intentarán "aprender a través da viaxe"

Familia Supertramp Mónica Patxot

Óscar Barreiro, Susana Míguez e os seus fillos Lucía e Darío, de seis e dous anos, son a Familia Supertramp. Así se chama o proxecto que emprenderán desde o próximo 9 de xullo, "dar unha volta a Europa en familia e en triciclo reclinado".

El, traballador en instalacións deportivas do Concello de Cotobade, e ela, desempregada. Pouco importa, porque se trata dunha experiencia vital coa que "aprender a través da viaxe", recoñeceu Óscar na presentación da súa aventura celebrada no Concello de Pontevedra.

Serán preto de 11.000 quilómetros ao longo dun ano só acompañados do que poidan cargar en dous 'trike', triciclos reclinados nos que habilitarán senllos remolques para os seus fillos e para os vultos. 

Todo cun orzamento "axustado entre 12 e 15 euros o día" e a través de rutas seglares e ciclistas, é dicir, por partes do Camiño de Santiago en España, Francia ou Italia e utilizando os tramos habilitados de EuroVelo, proxecto de rutas ciclistas que atravesan Europa. Desta forma "faremos a volta polo centro de Europa polo EuroVelo6".

O plan é completar "entre 30 e 40 quilómetros diarios", pero "os ritmos os marcan os nenos". Obrigado faise preguntar por como durmirán e o plan de estudos de Lucía, que cursará este ano Segundo de Primaria. A solución é que "o Ministerio ofrece a posibilidade de sacar Primaria a distancia", explica Susana Míguez, utilizando para iso unha plataforma online. Máis importante, mantén, será a experiencia que mostrarán aos seus fillos e que "vai ser enriquecedora".

En canto á outra incógnita entre os seus vultos portarán unha tenda de campaña, pero "nas redes temos xente que nos convida ás súas casas", recoñece Susana.

Contan con dúas experiencia previas, unha ruta pola costa de Portugal e outra entre Amsterdam e Portugal, que realizaron cando a súa filla Lucía tiña 15 meses e da que saíu un libro. Agora, máis aló das páxinas, pensan en "facer algo audiovisual, un pequeno documental", explica Óscar, aínda que iso será outro cantar.

Mentres tanto irán contando as súas vivencias e anécdotas a través do seu blogue (www.familiasupertramp.com) e a súa páxina de Facebook. A súa viaxe comeza este sábado 9 de xullo ás 12:00 horas na Praza de España.