A Garda Civil dá por finalizada unha investigación de case un ano que concluíu coa desarticulación dunha parella criminal que cometeu unha onda de 51 roubos en comercios.
Foron, segundo os investigadores, 51 roubos con forza en establecementos comerciais de nove municipios das provincias da Coruña e Pontevedra. En concreto, en Ames, Teo, Brión, Santiago, Noia, Padrón, A Estrada, Valga e Barro.
A operación, bautizada Bluehammer, púxose en marcha na primavera de 2024 tras detectar unha onda de roubos que estaba a xerar gran alarma social no comercio local galego.
A parella actuou entre maio de 2024 e xaneiro de 2025. O primeiro dos sospechos foi detido xa meses atrás e atópase en prisión desde principios de 2025. Agora, acaba de ser imputada a segunda e dáse por pechada a operación.
Os asaltantes seguían un patrón similar: fracturaban cristaleiras e accesos con tapas de sumidoiro ou martelos, subtraían a caixa rexistradora e fuxían rapidamente nun turismo azul.
O modus operandi era sempre o mesmo: un executaba o roubo mentres o outro realizaba funcións de apoio loxístico e vixilancia.
Tras semanas de seguimento, o 11 de decembro de 2024, a parella foi detida in fraganti despois de asaltar unha estación de servizo en As Casillas (Ordes). Con todo, os indicios apuntaban a un maior número de feitos delituosos.
Nunha segunda fase, os investigadores recompilaron probas contundentes que permitiron situar aos sospeitosos na escena dos delitos, coincidindo con datas e horas dos asaltos.
Para apontoar a acusación, utilizáronse as imaxes de cámaras de seguridade, que mostraban un mesmo vehículo e elementos recorrentes na vestimenta dos autores, como unhas zapatillas brancas dunha determinada marca.
Os detidos son veciños de Santiago de Compostela.
O Equipo Roca da Garda Civil de Santiago e a área de investigación de Milladoiro-Ames asumiron a investigación, que estivo coordinada polo Xulgado de Instrución número 2 de Ordes.