20 pacientes ingresaron este sábado nos hospitais da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés diagnosticados por coronavirus. É un importante incremento de pacientes que supón unha maior presión hospitalaria.
Segundo a Consellería de Sanidade, hai 117 pacientes ingresados por covid nesta zona sanitaria: 102 atópanse en planta de hospitalización repartidos da seguinte forma: 84 no Hospital Montecelo, 12 no Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez e 6 no Hospital do Salnés; ademais de 15 pacientes na Unidade de Coidados Críticos do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, dous máis que os notificados durante o sábado 23.
Nas últimas 24 horas detectáronse 134 novos casos de covid-19 na área, 111 detectáronse a través das 1.055 probas PCR que realizou o Sergas nas últimas 24 horas. Isto supón que este domingo hai 1.650 casos activos na área sanitaria, dos que 1.533 permanecen evolucionando da enfermidade nos seus domicilios.
Faleceron 98 persoas desde o inicio da pandemia, a última vítima foi unha muller de 70 anos que perdía a vida no Hospital Montecelo este sábado e que contaba con enfermidades previas. Desde o inicio do plan de continxencia curáronse 7.233 pacientes, 62 máis que na xornada do sábado.
DATOS EN GALICIA
A situación tampouco mellora no conxunto de Galicia, segundo os datos facilitados pola Consellería de Sanidade. Detectáronse 1.528 novos casos nas últimas 24 horas. Hai 18.992 casos activos na comunidade autónoma. 916 persoas están hospitalizadas en planta de centros hospitalarios por culpa do coronavirus e 150 pacientes atópanse nos servizos de Coidados Críticos.
O número de casos novos rexistrados durante esta última semana ascende a 10.526 en Galicia. Nesta última xornada, a área na que se rexistraron máis positivos é A Coruña con 449 novos casos, seguida polos 275 en Vigo; os 173 en Lugo; 159 en Santiago; 134 en Pontevedra e 107 en Ferrol.
Nas últimas horas faleceron 9 persoas infectadas por covid-19 e a cifra de mortes en Galicia por esta enfermidade sitúase en 1.608.