Ata 150 metros cadrados máis de espazo ocupará o parque infantil da pasarela da rúa José Adrio Barreiro a través dunha actuación que está a desenvolver o departamento municipal de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural.
Vanse a investir case 30.000 euros para ampliar o parque, que contará con novos elementos de xogo.
Así, instalaranse dous pórticos de columpios, un cunha randeeira de cesto e outro mixto con dobre bambán; dous balancíns individuais (modelos xirafa e pegaso) e un balancín dobre sube-baixa estilo cabaliño.
O proxecto inclúe dotar a nova área de xogo de pavimento de caucho amortecedor con deseño de cores adaptadas as características do parque infantil.
Estas obras, segundo o edil Iván Puentes, incrementará "de xeito moi substancial" a capacidade de acollida da zona de xogos deste parque, un dos máis empregados da cidade.
A previsión do Concello é que, se as condicións meteorolóxicas o permiten, as melloras que se están realizando neste parque estean listas no mes de abril.