O bus urbano circular de Sanxenxo, posto en marcha polo Concello por segundo ano consecutivo, afianzou a súa posición como unha alternativa clave ao uso do vehículo particular durante a tempada estival, segundo o goberno local.
Durante o mes de xullo, o servizo rexistrou un total de 16.741 viaxes, o que supón un incremento do 28% respecto ao mesmo período de 2024, con 4.686 viaxeiros máis.
Estes datos, facilitados pola concesionaria do servizo, Monbus, reflicten o éxito dunha iniciativa que, segundo o alcalde Telmo Martín, "chegou para quedar e para mellorar a mobilidade non noso municipio nunha tempada na que a poboación rexistra un crecemento moi importante".
O Concello de Sanxenxo inviste 65.000 euros nestas dúas liñas de reforzo, que están integradas no sistema de tarifas único e bonificado activado pola Xunta de Galicia, co obxectivo de fomentar a mobilidade sostible.
As tarifas son as mesmas que aplica a Xunta: 1,55 euros por billete ordinario e 0,70 euros se se paga co cartón de mobilidade de Galicia (TMG).
Ademais, os menores de 21 anos poden realizar ata 60 viaxes gratuítas ao mes coa Tarxeta Xente Nova, e as persoas maiores de 65 anos tamén gozan de gratuidade co cartón TMG grazas á Tarifa +65. O resto de usuarios benefícianse dun desconto do 40% sobre o prezo normal do servizo.
As dúas liñas circulares percorren o municipio nun tempo estimado de 50 minutos, cun horario de 8:00 a 00:00 horas e até 32 frecuencias diarias, de luns a domingo. Unha das liñas transcorre en dirección a Vilalonga, mentres que a outra o fai pola Lanzada, ambas as con saída e chegada na igrexa de Sanxenxo.
A liña máis utilizada durante o mes de xullo foi a de Vilalonga, con 8.926 viaxes e picos diarios de ata 593 viaxeiros.
Pola súa banda, a liña da Lanzada rexistrou 8.015 viaxes, con días nos que alcanzou os 549 usuarios.