Autocaravanas de toda España inaugurarán en Semana Santa a área habilitada en Pontevedra

Pontevedra
04 de abril 2017

Decenas de vehículos acondicionados como vivendas chegados de toda España inaugurarán en Semana Santa a área que habilitou o Concello de Pontevedra para este tipo de vehículos nos antigos terreos de Tafisa. A concentración celebrarase entre os días 13 e 16 de abril

Área de estacionamento habilitada para autocaravanas
Área de estacionamento habilitada para autocaravanas / PontevedraViva

Decenas de autocaravanas chegadas de toda España inaugurarán en Semana Santa a área que habilitou o Concello de Pontevedra para este tipo de vehículos nos antigos terreos de Tafisa. A concentración celebrarase entre os días 13 e 16 de abril.

Trátase dun acto organizado pola Asociación Galega de Autocaravanas, en colaboración co Concello e o club Camper Galicia.

Con motivo da inauguración desta área de estacionamento, Pontevedra acollerá eses días tamén a asemblea xeral da Federación Española de Asociacións de Autocaravanistas.

Os participantes chegarán á Boa Vila na tarde do mércores 12 de abril. Á mañá seguinte, celebrarase unha recepción oficial na Casa da Luz, tras a cal realizarán visitas guiadas polo Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA) e o centro histórico de Pontevedra.

A xornada do venres 14 comezará cunha visita ao Parque Arqueóloxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro e tamén protagonizarán unha saída en catamarán pola ría de Pontevedra. Ademais, será o primeiro día en que abra ao público a exposición de autocaravanas.

A inauguración oficial da área de aparcadoiro será o sábado 15, ás 13.30 horas. Antes celebrarase a asemblea xeral da federación nacional no Pazo da Cultura e unha exhibición de condución de autocaravanas con choiva. A xornada incluirá tamén unha visita ao Museo de Pontevedra e unha cea baile no Liceo Casino.

O estacionamento de autocaravanas de Pontevedra dispoñerá de 20 prazas con dúas de servizos con auga potable e saneamento. A superficie é de 1.052 metros cadrados. Ademais, acondicionouse unha superficie de 1.870 metros cadrados para estacionamento gratuíto en superficie, na que se poderán crear ao redor de 66 prazas de aparcadoiro.

O custo total deste proxecto ascende a 188.440 euros.