Lores sobre a área de autocaravanas: "Era unha espiña que tiñamos cravada"

Pontevedra
15 de abril 2017

O alcalde de Pontevedra inaugurou este sabado oficialmente a área de autocaravanas en presenza dos participantes na concentración convocada estes días na cidade pola Asociación Galega de Autocaravanas

Inauguración oficial da área de autocaravanas
Inauguración oficial da área de autocaravanas / PontevedraViva

Aínda que xa leva preto dunha semana en uso, non foi ata este sábado 15 de abril cando a área de autocaravanas habilitada na cidade do Lérez foi inaugurada oficialmente.

En presenza dos 160 autocaravanistas que acudiron á concentración convocada pola Asociación Galega de Autocaravanas, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores recoñeceu que este proxecto era "unha espiña que tiñamos cravada".

"Para min foi unha gran sorpresa a asistencia a estas xornadas e a esta inauguración, contabamos con que había moita demanda pero non tanta", sinalou o rexedor da capital.

A pesar de que a área de autocaravanas dispón de 20 prazas, estes días poden verse moitos máis vehículos deste tipo na contorna da Illa das Esculturas, copando por completo o aparcadoiro disuasorio creado ao seu lado e tamén nas rúas contiguas como a Avenida de Bos Aires ou Xosé Malvar.

"Fixemos a área que quixo a federación de campers e autocaravanas", explicou Lores na inauguración atendendo ao tamaño que solicitou o colectivo "aínda que eu creo que vai a quedar pequena", augurou.

O encontro de caravanistas afronta este sábado a súa última xornada antes de despedirse da cidade coincidindo co final da Semana Santa.