Autorizan a retirada do poste eléctrico que bloquea a obra da rotonda de Cerdedo

Cerdedo Cotobade
03 de setembro 2019

O alcalde agarda que os traballos, que levan nove meses paralizados, se reanuden no presente mes de setembro para rematar a glorieta

Poste que bloquea a rotonda oeste de Cerdedo Concello de Cerdedo-Cotobade

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, anunciou a consecución do correspondente permiso do departamento de Industria da Xunta de Galicia para a retirada e traslado do poste eléctrico que leva nove meses bloqueando a construción da rotonda oeste de Cerdedo, impulsada polo Ministerio de Fomento a petición do Concello para mellorar a seguridade vial neste cruce da estrada N-541.

O rexedor lamentou a deixadez e retraso do departamento estatal e da empresa de distribución eléctrica Fenosa.

Cubela lembrou que xa pasou o mesmo co permiso de Patrimonio para o traslado dun hórreo protexido afectado por esta obra, "que tivemos que xestionalo dende o goberno local, e agora volvemos a coordinar a consecución dunha nova autorización ante a deixadez e o pasotismo de Fomento que, como responsable do proxecto, é quen tería que facelo".

O alcalde agarda que a nova rotonda estea lista para regular o tráfico neste punto antes do inverno.