Avanza a creación do novo mapa turístico de Poio

Poio
03 de febreiro 2022

A Concellería de Turismo, responsable desta iniciativa, traballa da man dos profesionais do sector na elaboración dunha ferramenta que achegará información de interese ás persoas que visiten o municipio

Silvia Díaz nun curso de "Descubre Poio"
Silvia Díaz nun curso de "Descubre Poio" / Concello de Poio

A Concellería de Turismo, dirixida por Silvia Díaz, avanza da man dos profesionais deste sector no municipio na elaboración do Mapa Turístico de Poio, a través do cal poderanse consultar datos vencellados a negocios de hostalería, onde durmir, patrimonio, oferta deportiva, festexos locais ou información sobre praias, entre outros temas de interese.

Precisamente, o pasado luns 31 de xuño O Eirado das Margaridas acolleu unha reunión de traballo para continuar avanzando na elaboración deste mapa, que, tal e como explica a edil de Turismo, "queremos que estea a disposición da cidadanía en formato dixital e físico". 

Unha vez máis, Díaz agradeceu o interese e a implicación de profesionais, autónomos e autónomas que "adican parte do seu tempo en participar neste programa, a través do cal buscamos, tanto desde o ámbito privado como público, consolidar a Poio como un destino turismo de referencia máis alá do verán e da Semana Santa". 

A concelleira do Goberno local ten claro que iso pasa por dar a coñecer atractivos que "aínda non son moi coñecidos para a maioría dos e das visitantes". 

Durante a reunión deste luns unha das cuestións a tratar foi a necesidade de impulsar actuacións e iniciativas nesta liña. Así, desde o sector apóstase por revalorizar o patrimonio e reforzar a sinalización de rutas BTT e impulsar un roteiro entre o Mosteiro de Poio e o Bosque das Secuoias. Ademais, tamén se deu traslado da necesidade de que se reforce o transporte público e en aumentar prazas de aparcadoiro. Silvia Díaz recorda que o Concello xa está a traballar en varios destes temas "para facelos realidade canto antes".

Á marxe desta reunión de traballo, ao longo do mes de xaneiro tamén se desenvolver cursos formativos para profesionais do sector, que se centraron no uso das novas tecnoloxías. A edil de Avante tamén participou noutra xuntanza na que deu conta das liñas da nova web municipal e do traballo de promoción realizado na pasada edición de Fitur.

En febreiro, o Casal de Ferreirós acollerá tamén dúas sesións sobre comunicación, os días 14 e 21 de febreiro, de 20.00 a 22.00 horas. As persoas interesadas en participar poderán anotarse a través do correo electrónico [email protected] ou chamando ao 625120475. A concelleira de Turismo recorda, asemade, que tamén é posible obter máis información sobre os detalles do programa na web www.descubrepoio.com.

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora