Avanzan con atraso as obras para ampliar a capacidade da peaxe de Alba

Pontevedra
06 de maio 2017

A empresa Audasa avanza con atraso nas obras para ampliar a capacidade da peaxe de Alba que a concesionaria da Autoestrada AP-9 tiña previsto concluír durante o mes pasado mes de abril. A obra xa empezou con notable demora posto que estaba condicionada pola reordenación do polígono comercial do Vao

Obras na peaxe de Alba
Obras na peaxe de Alba / PontevedraViva

A empresa Audasa avanza con atraso nas obras para ampliar a capacidade da peaxe de Alba que a concesionaria da autoestrada AP-9 tiña previsto concluír durante o mes pasado mes de abril. A obra xa empezou con notable demora posto que estaba condicionada pola reordenación do polígono comercial do Vao.

Do mesmo xeito que se fixo no de Curro, o obxectivo desta obra é ampliar a capacidade da área de peaxe de Alba para paliar os grandes atascos que se forman no verán.

Segundo os plans anunciados, xunto ao número de carrís está previsto ampliar o número de cabinas aínda que estas contarán con sistemas de pago fácil, mediante caixeiro automático polo que non supoñerán a creación de postos de traballo.

FIGUEIRIDO

Audasa deu este paso a instancias de Fomento, así tamén deberá acometer a remodelación do enlace da AP-9 coa nacional 550 en Figueirido, en Vilaboa, para permitir desde alí acceder á autoestrada cara Vigo. Deste xeito pasará a converterse en enlace completo xa que ata agora só permite a conexión cara Pontevedra. No mesmo punto conectará no futuro a autovía A-57. O proxecto de Figueirido atópase aínda en fase de tramitación ambiental.

En canto ao nó de bombeiros conta co seu trazado aprobado. A remodelación do enlace norte de Pontevedra coa AP-9 permitirá a través da ponte das Correntes, acceder desde o centro urbano á autoestrada en dirección a Santiago.