Un dos temas tratados este martes na comisión municipal de mobilidade foi o futuro urbanístico da Avenida de Compostela despois de que o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible cedese ao Concello, o pasado mes de febreiro, este tramo da antiga estrada N-550.
Para avanzar na súa transformación, o Concello contratou en novembro unha asistencia técnica encargada de realizar un estudo integral para redeseñar o tramo da N-550 até a parroquia de Alba.
A análise, cun prazo de execución de seis meses e un orzamento máximo de 18.029 euros, pretende mellorar a seguridade viaria e sentar as bases do desenvolvemento urbano da zona.
O estudo abarca desde a glorieta de Pasarón até o cruzamento coa PO-225.
A meta do goberno local é converter a antiga vía interurbana nunha avenida municipal plenamente integrada na cidade, facilitando ao mesmo tempo o desenvolvemento de novas unidades urbanísticas e do campus universitario.
Segundo Mosquera, neste ámbito poderían construírse preto de 1.300 vivendas privadas de baixa altura -baixo e tres plantas con aproveitamento baixo cuberta-, tal e como permite o Plan Xeral.
É un volume que o concelleiro cualifica de "bastante xeitoso" para unha zona "saneada e soleada", situada a apenas "doce minutos andando" da Peregrina.
O responsable de Infraestruturas valora esta evolución urbana como "moi positiva", xa que permitirá equilibrar o crecemento de Pontevedra cara a esta parte da cidade e conservar a súa característica forma redonda.
Un desenvolvemento ordenado que, segundo o Concello, reforza o modelo de cidade compacta e ben conectada que se quere seguir impulsando.