A Deputación de Pontevedra continuou este xoves coa promoción do destino turístico Rías Baixas na Feira Internacional de Turismo (Fitur), que se celebra en Madrid.
Na segunda xornada do certame, o presidente provincial, Luis López participou en diversos actos e encontros con profesionais do sector para dar a coñecer a ampla e diversa oferta turística da provincia, acompañado por distintos membros do goberno provincial.
Durante a mañá, López estivo presente nas presentacións das propostas dos concellos do norte da provincia vinculadas ao Camiño de Santiago, así como nas iniciativas centradas na programación de Nadal da comarca do Deza, o potencial da sidra na Estrada e as experiencias de turismo ‘slow’ impulsadas pola Mancomunidade do Salnés.
A axenda institucional comezou coa presentación da campaña de Turismo Rías Baixas, "A túa meta, o teu destino", no stand de Galicia. Posteriormente, o presidente asistiu a un acto do Clúster de Turismo de Galicia, enfocado no labor dos profesionais que traballan por un turismo responsable, e á presentación da Xunta de Galicia do Camiño do Litoral.
Un dos momentos destacados da xornada foi a presentación do Xeodestino Mar de Santiago, integrado polos concellos de Pontecesures, Valga, Catoira e Vilanova de Arousa, centrada nas oportunidades que ofrecen as distintas variantes do Camiño de Santiago para fomentar as visitas. "Eu propoño facer o Camiño, pero á inversa. A meta son as Rías Baixas", afirmou López, quen puxo en valor atractivos como o desembarco viquingo de Catoira, o belén de Nadal de Valga ou o teatro de Valle-Inclán en Vilanova de Arousa.
Xa pola tarde, o presidente provincial participou na presentación do produto turístico da Mancomunidade do Salnés, centrado en experiencias ‘slow’ orientadas tanto ao turismo de lecer como ao de negocios. Nun formato de preguntas e respostas, López salientou o atractivo das Rías Baixas durante todo o ano. "Sempre é bo momento para visitar as Rías Baixas", asegurou, destacando o marisco no inverno, a vendima no outono, as rutas na primavera e as praias no verán, así como o estilo de vida, a gastronomía e a identidade do territorio.
A actividade da Deputación en Fitur completouse coa participación doutros membros do goberno provincial. A vicepresidenta Luisa Sánchez asistiu á presentación do produto "Turismo Deportivo en Galicia", mentres que o deputado Roberto Carrero estivo presente en actos como a presentación da Rede de cruceiros costeiros e fluviais de destinos náuticos sostibles de España, Galicia Spa Pilgrimage da Xunta de Galicia e a gala dos Premios Q no Palacio de Cibeles.
Sanxenxo avanza na dixitalización turística
Paralelamente, Sanxenxo mantén unha intensa actividade en Fitur. O concelleiro de Turismo e Praias, Juan Deza, acompañado pola técnica de Turismo Teresa Salgueiro, mantivo un encontro co presidente de Segittur, Enrique Martínez, tras a elección de Sanxenxo como destino piloto para a implantación da Plataforma Intelixente de Destinos (PID).
Esta plataforma permitirá modernizar a xestión turística a través da tecnoloxía, mellorando a análise de datos, a competitividade, a promoción e a toma de decisións estratéxicas, ademais de facilitar a colaboración entre os axentes públicos e privados.
Ao longo da mañá, o edil participou tamén en distintas presentacións e mantivo reunións con empresas do sector turístico e cunha entidade auditora de destinos accesibles. Un ano máis, o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, visitou o mostrador de Sanxenxo, acompañado polo concelleiro de Turismo, Juan Deza, e pola concelleira de Economía, Facenda e Persoal, Paula Martínez.