A provincia do deporte desembarca con brío en Fitur

Pontevedra
22 de xaneiro 2026
Actualizado: 15:00

Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra, presenta a campaña “A túa meta, o teu destino” como un convite para “desconectar, conectar e reconectar” da rutina e descubrir as Rías Baixas a través do deporte

Luis López presentando a campaña "A túa meta, o teu destino" en Fitur
Luis López presentando a campaña "A túa meta, o teu destino" en Fitur / Deputación de Pontevedra

A provincia de Pontevedra posicionouse este xoves 22 no IFEMA de Madrid, escaparate turístico internacional coa exhibición da súa nova estratexia para 2026.

No marco de Fitur, o presidente da Deputación, Luis López, presentou a campaña "A túa meta, o teu destino", unha proposta que, por primeira vez, sitúa o deporte como o gran motor para descubrir os 61 concellos do territorio.

Acompañado polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e pola actriz viguesa Marta Larralde, que exerceu de mestre de cerimonias, López debullou unha folla de ruta que concibe as Rías Baixas como un "estilo de vida"

. A mensaxe é clara: a provincia non é só un lugar para visitar, senón un escenario onde "desconectar" da rutina para "conectar" coa natureza e "reconectar" con un mesmo a través da actividade física.

A campaña rompe coa estacionalidade e presenta a provincia como un xigantesco polideportivo natural dispoñible os 365 días do ano.

Alfonso Rueda e Luis López en Fitur 2026
Alfonso Rueda e Luis López en Fitur 2026Deputación de Pontevedra

Segundo explicou o máximo mandatario provincial, Rías Baixas ofrece un "oasis particular" para todos os perfís, desde o deportista de elite ata a familia que busca un paseo pola costa ou a montaña.

"Quen pasee polas nosas praias, saia ao mar ou camiñe por unha cidade, verá a cada vez máis persoas que atopan no deporte unha forma de relacionarse coa súa terra", sinalou Luis López, quen definiu o destino como unha combinación única de "calidade, tranquilidade e paisaxes".

Máis alá da promoción visual, que contou coa proxección de dúas pezas audiovisuais de gran impacto, o goberno provincial quixo soster esta campaña con datos de investimento.

O presidente destacou que a aposta polo deporte é unha prioridade política que se traduce en:destinar 20 millóns de euros á renovación de infraestruturas.

Tamén desde a Deputación se contemplan 200 actuacións en campos de fútbol, pistas de atletismo, ximnasios e pistas de pádel ou tenis e con axudas de récord para 400 deportistas de elite e apoio a máis de 500 citas deportivas.

Presentación da campaña da Deputación en Fitur 2026
Presentación da campaña da Deputación en Fitur 2026Deputación de Pontevedra

Este esforzo orzamentario, segundo o goberno provincial, busca converter o deporte nunha "panca de desestacionalización" para evitar a saturación de certas zonas e promover a internacionalización do destino baixo criterios de sustentabilidade.

A nova campaña toma o relevo do éxito acadado por "Cando Volves?", que en 2025 logrou 70 millóns de impactos.

Para Luis López, esta presentación en Madrid pecha un círculo de prioridades que estableceu ao chegar á presidencia: potenciar o interior da provincia e, agora, converter a súa paixón persoal, o deporte, nunha ferramenta de transformación social e económica.

A presentación contou co respaldo dunha ampla delegación pontevedresa, incluíndo á vicepresidenta Luisa Sánchez, ao deputado de Turismo, Jesús Vázquez Almuíña, así como a diversos alcaldes e representantes dun sector turístico que ve no binomio deporte-natureza o futuro da competitividade das Rías Baixas.