As Rías Baixas exhiben todos os seus encantos na Feira Internacional de Turismo (Fitur). O presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, inaugurou este mércores a axenda promocional do destino galego cunha xornada cargada de presentacións e encontros.
"As Rías Baixas seguen acaparando miradas" indicou López presumindo do "tirón" do noso territorio nesta feira na que provincia se presenta como un lugar para "desconectar, conectar e reconectar".
A primeira xornada da delegación de Pontevedra incluíu a presentación de produtos turísticos de Tui, Poio e do Camiño de Inverno, ademais da intervención en "Combarro, pobo máxico", organizada por Pobos Máxicos de España, e na campaña "Experiencias Slow no Salnés", á que asistiu o embaixador de China en España, Yao Jin, xunto a representantes do sector turístico chinés.
Xunto a López, participan o vicepresidente Rafa Domínguez, e os deputados Jesús Vázquez Almuíña, Javier Tourís e Roberto Carrero, quen participaron en máis de trinta actos que inclúen desde a promoción do Camiño Portugués pola Costa inclusivo até campañas como "Galicia, porta de entrada da gran eclipse solar do 2026" ou debates sobre o potencial da provincia para rodaxes cinematográficas.
As Rías Baixas tamén se promocionan como destino audiovisual. En Fitur Screen 2026, a provincia foi presentada como un escenario competitivo para rodaxes, con mesas redondas sobre o impacto audiovisual no turismo, nas que participaron profesionais como Iñaki Gaztelumendi e Miguel Lorenzo. Vázquez Almuíña destacou a diversidade paisaxística, a calidade técnica e humana da zona, e o papel estratéxico da Rías Baixas Filme Commission na captación e acompañamento de proxectos.
Ademáis, Sanxenxo presentou na feira o seu Centro da Cultura Gastronómica Rías Baixas, no histórico Pazo de Quintáns (BIC desde 2017). O concelleiro de Turismo, Juan Deza, e a técnica Teresa Salgueiro mostraron ao público e a profesionais do sector como o centro combina patrimonio, gastronomía e tecnoloxía interactiva para ofrecer unha experiencia única durante todo o ano. Ademais, o municipio promociónase con dous tótems de gran formato que mostran as súas praias, paisaxes, gastronomía e patrimonio baixo a lema "Sanxenxo, 365 días diferentes".
O prato forte da Deputación chegará este xoves ás 11:30 horas na caseta de Galicia co lanzamento da campaña "Rías Baixas: A túa meta, o teu destino", que presenta a provincia como un auténtico polideportivo ao aire libre: un lugar para reconectar coa natureza, coa cultura e cun mesmo.