Balance diario Covid-19: Sen altas nin novos contaxios e con 8 casos activos na área sanitaria

Pontevedra
13 de xuño 2020

O balance ofrecido este sábado 13 de xuño pola Consellería de  Sanidade ofrece o mesmo número de casos activos que o venres. Todos eles evolucionan nos seus domicilios nunha nova xornada sen hospitalizados por coronavirus en Pontevedra e O Salnés

Servizo de Urxencias do Hospital Montecelo durante la crisis sanitaria do coronavirus Mónica Patxot

Xornada sen cambios na área sanitaria con respecto ás cifras relacionadas coa pandemia de coronavirus.

Segundo o balance ofrecido este sábado 13 de xuño pola Consellería de Sanidade, Pontevedra e O Salnés mantense por segunda xornada consecutiva con 8 casos activos de Covid-19, evolucionando todos os afectados nos seus domicilios sen ser necesaria a súa atención nos hospitais da comarca.

Esa estabilidade débese a que nas últimas horas non se contabilizaron nin altas epidemiolóxicas nin novos contaxios, polo que a cifra total de curados desde o inicio da pandemia segue sendo de 891. Pola súa banda a cifra de falecementos asociados ao coronavirus mantense desde hai varias semanas nos 16.

A nivel galego, segundo a última actualización da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 359, dous máis que o venres. Deles 108 son da área da Coruña, 22 da de Lugo, 28 da de Ourense, 8 da de Pontevedra, 147 da área de Vigo, 34 da de Santiago, e 12 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 7 están en unidades de hospitalización e 352 no domicilio. Non hai pacientes positivos en UCI. Polo de agora, na comunidade hai un total de 10.476 persoas curadas, rexistrándose 619 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 157.075 e o número de casos de coronavirus detectados en centros residenciais de servizos sociais supoñen o 0,02% do total das persoas residentes. En toda Galicia hai 7 usuarios e 9 profesionais de centros residenciais contaxiados e rexistráronse 132 falecementos en residencias e 142 en hospitais e residencias integradas.