Naceu en febreiro de 2016 coa intención de dinamizar o comercio local e achegar un impulso ao mercado de abastos e converteuse nunha cita moi popular cada segundo sábado de mes.
A Sétima Feira acaba de pechar o seu segundo ano de existencia e fíxoo cun balance "moi positivo polo número de vendas e afluencia", sinalou a concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías.
"Hai satisfacción entre os expositores e entre o público, segundo as enquisas realizadas ao longo da tempada que rematou coa chegada do verán", explicou a edil, xa que a Sétima Feira non volverá organizarse ata o outono.
Nas dez edicións celebradas entre setembro de 2016 e xuño de 2017 a oficina da Sétima Feira recibiu 300 solicitudes de artesáns, artistas e pequenas empresas relacionadas co mundo da creatividade, moda ou cultura para poder participar e instalar os seus postos na planta superior do mercado, salvo en dúas ocasións que se realizou no exterior.
De todas esas solicitudes admitíronse 148, das que repetiron 35 delas nalgunha das xornadas. Ademais Sétima Feira traballou con sete empresas locais de restauración e hostalería que se fixeron cargo das degustacións e as sesións vermú programadas, ao que se suman as actividades complementarias realizadas con varias asociacións e entidades.
Anabel Gulías tamén mostrouse satisfeita coa participación nos obradoiros infantís, nos que tomaron parte ata 828 nenos.
TENDA EFÉMERA
Mentres non chega o outono, a Sétima Feira volverá habilitar a 'tenda efémera' na que pretende favorecer o encontro entre deseñadores e artistas participantes nesta iniciativa, aínda que o fará nunha nova localización que será desvelada proximamente.