A emblemática baliza de Camoucos prepárase para unha renovación integral

Pontevedra
05 de febreiro 2026

A estrutura será obxecto dunha complexa intervención que reforzará a cimentación para garantir a súa estabilidade fronte á forte ondada e vento

Torre baliza de Camoucos
Torre baliza de Camoucos

A Autoridade Portuaria abriu recentemente a licitación para contratar o servizo de asistencia técnica á dirección de obra da rehabilitación da emblemática torre baliza de Camoucos. Este proxecto non só contempla o reforzo estrutural da torre, senón tamén o seguimento ambiental, control de calidade, xestión de residuos e vixilancia de toda a obra marítima.

Situada nun punto estratéxico da Ría de Pontevedra, a torre baliza de Camoucos é unha das principais sinais de navegación da zona. Coa súa marca lateral vermella de babor e un alcance de 10 millas, a estrutura será obxecto dunha complexa intervención que reforzará a cimentación para garantir a súa estabilidade fronte á forte ondada e vento, ademais de demoler e restaurar parte da torre.

O proxecto de rehabilitación de Camoucos é só o inicio dun plan máis amplo.

A Autoridade Portuaria ten previsto intervir proximamente outra torre baliza da ría, a de Mourisca. Con 13 metros de altura, unha marca lateral verde de estribor e un alcance de cinco millas, esta torre tamén xoga un papel fundamental na seguridade da navegación no interior da ría.

A historia da torre de Camoucos remóntase case un século atrás. En decembro de 1925, o Servizo Central de Sinais Marítimos ordenou o balizamento do baixo de Camoucos, proxectando unha torre para soportar unha luz branca con ocultacións en grupos de tres e un alcance de oito millas. Cinco anos máis tarde, en 1930, apróbase o proxecto para adquirir o aparello de iluminación, aínda que a instalación da luz atrásase.

A situación xerou preocupación entre os pescadores da ría, quen denunciaron publicamente en xullo de 1933 o risco que supuña navegar preto dos baixos de Camoucos sen sinalización luminosa, citando accidentes que poderían terse evitado. As queixas foron apoiadas por mariñeiros e navegantes que, anos atrás, xa solicitaran ao Ministerio da Mariña e á Xefatura de Portos solucións urxentes.

Finalmente, as autoridades comprometéronse a pór en funcionamento as luces da baliza na primeira quincena de setembro de 1933. A torre, cilíndrica e de 13 metros de altura, soportaba unha columna de fundición con lanterna de luz branca en tres lóstregos e un alcance de oito millas. A comezos de outubro dese mesmo ano redáctase a acta de recepción do aparello luminoso, confirmando a instalación baixo a supervisión do enxeñeiro xefe Rafael Enamorado.

Hoxe, case un século despois, a torre de Camoucos precisa dunha reforma para seguir guiando aos navegantes da Ría de Pontevedra con seguridade e orientación na travesía marítima.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora