A Banda Infantil da Unión Musical de Meaño celebrou este sábado un notable éxito ao conseguir o primeiro premio na Sección Infantil do XVIII Certame Galego de Bandas de Música Populares, que se celebra no Pazo da Cultura de Pontevedra.
A formación, dirixida polo mestre Diego Javier Lorente López, demostrou o seu gran talento e dedicación nun concerto que encheu de orgullo á comunidade musical de Meaño.
Este recoñecemento, segundo a formación, é o resultado de meses de intenso traballo e do entusiasmo contaxiado polo seu director, quen guio aos máis novos músicos con implicación e amor pola música.
A Banda tamén quixo agradecer nas redes sociais a Anton Caneda Telmo pola composición da obra libre interpretada.
O éxito non sería posible,aseguran desde esta banda, sen o apoio fundamental das familias, a Escola de Música Municipal de Meaño e os seus mestres polo traballo diario cos nenos, así como o Concello de Meaño pola súa crenza no proxecto e o respaldo dos socios, público e toda a masa social que sostén esta iniciativa musical, cultural e social.
Resultados na primeira xornada do Certame de Bandas de Música Populares:
Sección Infantil:
87,5 puntos – Banda Infantil da Unión Musical de Meaño
78 puntos – Banda Infantil da Escola de Música de Vaguellina de Órbigo
72 puntos – Chikiband 2.0, Asociación Musical de Xinzo de Limia @amdxinzo
Sección Xuvenil:
98 puntos – Banda Sinfónica Xuvenil de Caldas (Colombia)
95 puntos – Banda Xuvenil da Agrupación Músico-Cultural de Ribadumia
82,5 puntos – Banda-Escola da Banda de Música Municipal da Estrada
Resultados da Sección Segunda
Con 89,6 puntos, a Banda Ovarense (Portugal)
En segundo lugar, a Banda de Música de Arca con 84 puntos
O terceiro posto é para a Agrupación Musical da Limia con 80 puntos
Este domingo 19 continúa o Certame Galego de Bandas no auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra.
Pode seguirse a través da canle en Youtube da Federación Galega de Bandas de Música Populares.