Co izado das bandeiras azuis nas praias da Concha-Compostela e do Campanario (Bamio), Vilagarcía deu comezo oficialmente ao seu verán.
Ambas as dúas praias renovaron os seus distintivos debido á calidade da auga e á cantidade de servizos que ofrecen.
O Concello continúa traballando para recuperar o selo no areal do Preguntoiro (Vilaxoán) e o equipo técnico municipal está traballando no proxecto de rexeneración.
En calquera caso, as augas "son excelentes", sinalou o alcalde, Alberto Varela, durante o acto de izado das dúas bandeiras azuis concedidas a Vilagarcía.
O goberno local puxo en marcha un plan para a mellora dos areais, que comezou coa rexeneración da Concha-Compostela, que volve ser un dos principais atractivos da vila, con miles de visitantes todos os veráns.

Este ano, como novidade, conta cun servizo de parasoles, tumbonas e aluguer de kaiaks e pedaletas. A maiores, a principios de xuño foi adxudicado o quiosco-bar do parque da Compostela, que ofrece bebidas e comidas a escasos metros da praia.
Nese mesmo espazo, a concellería de Medio Ambiente está levando a cabo a renovación do parque infantil, onde xa se están a instalar os novos xogos. Ademais, tal e como sinalou o rexedor, déronse outras tres licenzas de hostalaría, que reforzarán o servizo na zona.
A vertente deportiva tamén está a ser moi importante para a Concha-Compostela.
Este ano instaláronse portarías de fútbol praia, balonmán e tres campos de voleibol, ademais de elementos de calistenia na zona do pinar.
Esta posta a punto permitiu acoller competicións deportivas como a primeira xornada oficial de Salvamento e Socorrismo ou o XogaKenpo da pasada fin de semana, con máis de 200 participantes.