Bará reclama axudas directas para as confrarías ante a caída dos ingresos nas lonxas

Pontevedra
28 de maio 2020

Para paliar os efectos da crise creada pola COVID-19, o BNG tamén lle reclama á Xunta de Galicia impulsar campañas para promocionar o consumo de produtos galegos, regular os prezos en orixe para evitar os abusos ou poñer en marcha unha etiquetaxe da trazabilidade dos produtos do mar

Encontro de Luis Bará coas confrarías da ría de Pontevedra BNG de Pontevedra

Ante a crise económica que a pandemia da COVID-19 está a crear no sector mar en Galicia, o BNG entende que a Xunta ten que apoiar "sen tatexos" ás confrarías, aumentando as axudas directas para compensar a caída dos ingresos nas lonxas e garantir a súa viabilidade.

Así o destacou o cabeza de lista por Pontevedra ás eleccións galegas, Luis Bará, que mantivo este xoves un encontro con representantes das tres confrarías do fondo da ría de Pontevedra para coñecer o impacto do coronavirus na súa actividade.

Bará entende que as axudas ás que se puideron acoller as mariscadoras como persoas autónomas deben ampliarse ás propias confrarías, moitas delas afectadas por ERTE e coa súa actividade diminuída pola crise sanitaria.

Representantes das agrupacións indicaron que prevén retomar a actividade a partir da próxima semana acolléndose á posibilidade do 25% de ingresos, co problema da baixada dos prezos e da demanda pola paralización da actividade hostaleira. 

Ante esta situación, o BNG reclama unha campaña por parte da Xunta para fomentar os produtos galegos de calidade e o seu consumo entre a cidadanía xeral. Tamén aposta porque se adquiran estes produtos para o subministro de comedores, residencias ou hospitais públicos, de xeito que teñan unha canle de saída. 

Outra das reclamacións que o nacionalista considera importante nestes momentos de crise é a regularización dos prezos en orixe para evitar os abusos que se producen e as grandes diferenzas que hai entre orixe e os prezos finais en todos os produtos do mar.

Así mesmo, o candidato fixo súa a petición do sector de poñer en marcha unha etiquetaxe da trazabilidade dos produtos galegos do mar, xa que son produtos "con bo cartel, boa imaxe e boa calidade". 

Ademais, Luis Bará subliñou que é "necesario" un cambio na política galega o vindeiro 12X que poña "realmente en valor o local" e Galicia poida ter maiores competencias para decidir sobre a xestión dos seus recursos "e non ser unha xestoría de Madrid".