Bará reclama un protocolo claro e consensuado para o inicio do curso escolar

Pontevedra
27 de agosto 2020

O deputado do BNG no Parlamento de Galicia indicou que se precisa financiamento, máis medios, máis profesorado, máis recursos para a hixiene e a limpeza e que se garantan os servizos complementarios de transporte e comedores escolares, ademais de medidas de conciliación no caso de que sexa necesario desenvolver un ensino non presencial

Luís Bará, deputado do BNG no Parlamento de Galicia
Luís Bará, deputado do BNG no Parlamento de Galicia / BNG

Luís Bará, deputado do BNG no Parlamento de Galicia, explicaba este xoves as liñas mestras que ten previsto levar a cabo no curso político que se inicia e que estará marcado pola presenza da pandemia da Covid-19. 

O representante nacionalista afirmou que o BNG ofrecerá unha oposición "firme, contundente e esixente" tanto en sede parlamentaria como na rúa para facer fronte ás políticas da dereita. Tamén apuntou á posta en marcha de propostas baseadas no diálogo con colectivos sociais, que o deputado iniciará a partir da primeira semana de setembro.

Bará quixo referirse ao comezo do curso escolar e esixiu un protocolo claro e consensuado para a volta ás aulas. Criticou a falta de planificación e de previsión por parte da Xunta de Galicia e lamentou a falta de medios para afrontar as necesidades que se presentan. Por este motivo, considera preocupante que desde o goberno galego trasládese as responsabilidades a outras administracións, principalmente aos  Concellos, e tamén aos equipos directivos dos centros e ás ANPAS.

Reclama financiamento, máis medios, máis profesorado, máis recursos para a hixiene e limpeza e que se garantan os servizos complementarios de transporte e comedores escolares. Ademais pide medidas de conciliación para o suposto de que sexa necesario desenvolver un ensino non presencial.

OBXECTIVOS PARA PONTEVEDRA

Noutras materias, o ex concelleiro por Pontevedra sinalou que solicitarán o reforzo da atención primaria fronte a casos como o dos consultorios de Ponte Sampaio e Soutomaior; a construción de centros de saúde en Poio e en Caldas e que se poña en marcha o proxecto do novo Montecelo.

Tamén en materia de saneamento e rexeneración do río Lérez e da ría, o BNG insistirá na mellora da Estación depuradora dos Praceres, a construción doutras depuradoras para o fondo da ría e a dragaxe. Tamén se reclamarán medidas para o río Umia.

En relación coa rede viaria, os deputados nacionalistas solicitarán á Xunta a creación do novo vial do Vao e a variante de Alba, ademais da elaboración dun novo mapa de emerxencias e unha axenda urbana autonómica que adopte como referencia o traballo que se desenvolve tanto no Concello de Pontevedra como na Deputación Provincial.