As zonas de A Barca e A Caeira están estes días "convertidas nun punto permanente de colapso viario", segundo a denuncia pública realizada polo PSOE de Poio.
Os socialistas atribúen esta situación á ausencia de Policía Local operativa, a "falta absoluta de planificación" municipal e o paso continuado de vehículos pesados por zonas estritamente residenciais.
Aseguran os socialistas que o tránsito de camións por estas rúas, "nas que non deberían circular", está a provocar "atascos constantes, embotellamentos, retencións e longas caravanas".
Como concuencia destas situacións, están "bloqueando" a mobilidade diaria da veciñanza e incrementando notablemente o risco viario.
Alertan de que o escenario é de "saturación total" nas horas punta, nas que critican que non hai "ningunha supervisión nin ordenación por parte do Concello".
Ademais, consideran que a propia sinalización instalada na contorna "resulta inútil porque non existe control que a faga cumprir".
Os socialistas engaden que a "desorganización" é tal que, ante a ausencia de axentes, os propios veciños tiveron que saír en varias ocasións a dirixir o tráfico.
Lembran os socialistas que a veciñanza leva meses advertindo do problema e reclamando solucións, "acumulando escritos, chamadas e queixas que o goberno local nin atende nin resolve, xerando unha sensación crecente de abandono institucional".
Como resultado desta situación, aseguran que, ademais, o firme das rúas está "deteriorándose", con afundimentos e fendas que se agravan cada día "polo paso reiterado de vehículos pesados".
O grupo municipal socialista reclama medidas inmediatas e concretas, que pasan polo restablecemento dun servizo operativo e estable de Policía Local, con presenza real e cobertura suficiente nas horas punta.
Piden tamén a aprobación dun plan urxente de ordenación e control do tráfico en A Barca e A Caeira, adaptado á situación actual e baseado en criterios técnicos, e control efectivo e prohibición do tránsito de vehículos pesados por vías residenciais, habilitando percorridos alternativos e garantindo o seu cumprimento.