Tras permitir o paso do tráfico á hora da entrada aos colexios e os centros de traballo, o sentido único de circulación na PO-308, en A Barca, xa está operativo.
Ata novo aviso, os vehículos só poderán circular pola Avenida da Barca en dirección Pontevedra.
O dispositivo conta con numerosas sinais e paneis informativos instalados nos principais puntos de acceso a Poio.
Nas primeiras horas non houbo incidentes salientables e todo transcorreu con total normalidade, garantindo a fluidez no tráfico.
Só se rexistrou algún camión despistado, segundo informa o Concello de Poio, que puido resolver a situación coa información facilitada a pé de rúa na rotonda da Barca por persoal situado en puntos estratéxicos.

Incluso ás 14.00 horas, coincidindo co remate das xornadas laborais e escolares, non se rexistrou ningún problema na circulación na rotonda da Barca.
Aínda que o acceso desde Poio cara a Pontevedra continúa aberto, as autoridades recomendan empregar vías alternativas como a rotonda das Bardancas (O Remo) ou a zona de San Salvador.
Para os vehículos que precisen saír de Pontevedra pola ponte da Barca habilitáronse itinerarios alternativos.
Así, pódese circular pola Caeira ou polo nó de Bombeiros, subindo polo polígono do Vao e bordeando a parte superior de Poio para saír pola avenida Antelo Mariño, na contorna da antiga Coca-Cola e a rotonda da panadaría Acuña.
Ademais, os vehículos de mercancías están sendo desviados desde a estrada de Vilagarcía polo polígono do Vao, co obxectivo de evitar a zona da Barca.