O alcalde de Poio, Ángel Moldes, solicitou unha reunión con representantes da Subdelegación do Goberno en Pontevedra co obxectivo de propoñer a creación dunha nova saída da AP-9 á altura de Portosanto, na parroquia de San Salvador, unha zona onde xa existe un acceso a autoestrada.
Moldes considera que a modificación prevista no proxecto do Nó de Bombeiros representa unha oportunidade para incorporar esta intervención, que permitiría aliviar a elevada intensidade de tráfico na contorna da Barca.
O máximo representante municipal sinala que esta zona da Barca actualmente é o punto máis transitado da provincia e o terceiro de Galicia, con máis de 23.000 vehículos ao día, dos cales 1.200 son pesados.
A proposta do rexedor inclúe a construción dun carril de desaceleración e unha nova conexión coa estrada autonómica PO-309, aproveitando a súa amplitude e dobre sentido para facilitar a execución da obra.
Os terreos sobre os que se levaría a cabo esta infraestrutura xa son propiedade do Estado, polo que a actuación sería viable tanto técnica como economicamente, mentres que o impacto en mobilidade e seguridade sería significativo para toda a zona, segundo explica Moldes.

Ademais, o rexedor tamén reclama a instalación de pantallas acústicas ao longo do trazado da AP-9 no municipio, co fin de diminuír as molestias ocasionadas polo ruído do tráfico para a veciñanza de Poio.