A Festa do Viño de Barro pechou esta fin de semana unha das súas edicións máis multitudinarias, marcada por unha elevada participación nos concursos e unha notable afluencia de público.
O recinto festivo rexistrou unha gran asistencia de veciños e visitantes que se achegaron para degustar os viños da zona e participar nas distintas actividades programadas.
Así, o xantar popular reuniu 550 comensais nunha cita marcada polo gran ambiente.
Un dos datos máis destacados desta cuadraxésima sétima edición foi a presenza de 70 colleiteiros particulares nos certames, unha cifra que reflicte o crecente interese e a capacidade de convocatoria que consolidou este evento no calendario festivo e vitivinícola da comarca.
Na competición de viños elaborados por colleiteiros particulares, Félix Fontán Piñeiro obtivo o primeiro premio na categoría de branco do país, mentres que María Dolores Fontán Abal alzouse coa vitoria en tinto do país.
O mellor caíño foi o presentado por José Chao. Pola súa banda, José Benito García Carramal conseguiu o primeiro posto na modalidade de albariño, e Barcala-Burés resultou vencedor no apartado de elaboracións especiais.
No Certame de Viño Albariño Rías Baixas, o máximo recoñecemento recaeu na adega Santiago Roma Selección.
O podio completárono Casaley, en segunda posición, e Señorío de Louros Albariño, en terceiro lugar.
A xornada de clausura comezou ás 10.30 horas no Pazo da Crega coa celebración simultánea das catas de viños albariños da Denominación de Orixe Rías Baixas e de viños caseiros. A esa mesma hora deu comezo tamén a concentración de coches e motocicletas clásicas, mentres que a charanga Alambique encargouse de animar as rúas de Barro desde media mañá.
Ao mediodía, o recinto do Pazo acolleu a tradicional sardiñada popular, acompañada de viño gratuíto para todos os asistentes. Tras a entrega de premios, celebrada á primeira hora da tarde, tivo lugar o xa habitual Xantar da Festa do Viño, un dos momentos de maior convivencia da programación.
O broche final á celebración chegou ás 20.00 horas cun concerto protagonizado por Fátima Pego xunto á Banda de Música Xuvenil de Barro e os gaiteiros Felipe Rea e Borja Becerra, pondo fin a unha edición que confirmou o excelente momento que atravesa esta cita dedicada á cultura vitivinícola local.
O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, quixo poñer en valor o "crecemento imparable" que está a experimentar a celebración edición tras edición, facendo especial fincapé no "motor humano" que hai detrás dela.
Sinalou que esta festa é o resultado do traballo de moita xente "que se esforza para que todo saia ben", destacando que o seu labor no stand coa venda de viño ou asando e distribuíndo as sardiñas sen descanso "é impagable".
"Esta Festa do Viño é un éxito de todos e grazas a todos", sentenciou Fernández Abraldes, que considera que esta 47 edicion "deixa o listón moi alto".